O PP da Costa da Morte urxe ao Goberno Central a que cumpra e cofinancie o 50% da lei de dependencia

1 minutes read

Os voceiros do Partido Popular nos concellos da comarca da Costa da Morte urxen ao Goberno Central a que cumpra coa súa obrigación de cofinanciar o 50% da dependencia, así como a que salde a débeda de máis de 2.500 millóns de euros que ten acumulada con Galicia.

Acompañados polo secretario xeral do Partido Popular na provincia da Coruña, Evaristo Ben, representantes de todos os municipios da comarca explicaron  que o artigo 9 da Lei de Dependencia determina que o Estado ten a obrigación de achegar os importes mínimos por cada dependente atendido.

“Así o establece o propio Real Decreto de reforma do sistema de dependencia, pero, a pesar de esta obriga legal, o Estado non está a cumprir e, en lugar de achegar o 50% da dependencia, leva anos incumprindo a súa parte, acumulando xa unha débeda de 2.500 millóns con Galicia”, explicou a deputada autonómica e voceira do PP en Camariñas Paula Mouzo.

O obxectivo principal da lei, apuntan os populares, é garantir a igualdade no exercicio do dereito subxectivo de cidadanía á promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, mediante a colaboración e participación de todas as Administracións Públicas e a garantía pola Administración Xeral do Estado dun contido mínimo común de dereitos para todos os cidadáns en calquera parte do territorio do Estado español.

O novo decreto de dependencia do Goberno central obrigou a reformar a normativa autonómica e a buscar financiamento nun momento no que o exercicio económico galego xa estaba comprometido. “Para a nosa Comunidade, a entrada en vigor deste Real Decreto supuxo un sobrecusto de 80 millóns de euros adicionais ao ano”, concluíu a voceira popular.