O PP de Muxía amplifica as queixas dos veciños de Nemiña

2 minutes read

A portavoz do Partido Popular de Muxía presentou este venres por rexistro unha listaxe de peticións para realizar melloras en pistas e no mantemento en distintas zonas relacionadas coa praia de Nemiña. No escrito fai fincapié en que non son máis que as palabras de varios veciños e empresarios da zona e ademais, segundo palabras da portavoz Sandra Vilela, “ cando os veciños recorren a nós é porque xa foron antes ó concello e non viron resoltas as súas demandas o cal dá que pensar acerca dá xestión que se está levando a cabo dende a administración local”.

O problema da limpeza da maleza en lugares como os miradoiros de Talón non é algo, aseguran os populares, que se de só nesta zona xa que, a mediados de agosto, a falta de limpeza é algo xeneralizado no concello. Con todo, a praia de Nemiña conta con outras deficiencias se cabe máis graves como “a pista que vai dende o restaurante cara á praia e a pista dás centieiras están intransitables e non é que teña un gran custo económico simplemente é inoperancia por parte do grupo de goberno que ainda non empezou a traballar dende que se constituiu”, sentenciaba a portavoz popular.

Na listaxe presentada constan ademais outras peticións como a reposición dos paneis informativos rotos, a recollida de lixo de forma máis habitual e un especial coidado co lixo do areal xa que “segundo nos comentan, son os propios turistas os que pasan moitos días cargados de bolsas cheas de plásticos que recollen eles mesmos imaxino que porque están máis concienciados coa importancia dá limpeza dá praia que o propio goberno local.

Contratáronse cuadrillas para as limpezas dás praias e non entendo que estas cousas poidan pasar. Insisto en que é unha cuestión de falta de xestión dos recursos cos que contamos” Desde o PP esperan que as súas demandas sexan tidas en conta a pesar de que indican que de cada unha das cuestións que propoñen ou demandan nin sequera obteñen resposta por parte do goberno local. Con todo, “seguiremos traballando por Muxía e insistindo en todo aquelo que cremos que é necesario e xusto para o noso concello sempre da man dos nosos veciños a pesar de que o goberno local pareza non importarlle que representamos a case un milleiro de veciños”, concluía a portavoz.