- Os populares salientan que, en apenas dous anos de goberno, Muxía conseguiu 15 novas prazas de atención ás persoas maiores e contará cun total de 25 prazas de Casa do Maior.
O Partido Popular de Muxía valora moi positivamente a resolución coñecida hoxe pola que se concede unha nova Casa do Maior para o municipio, que estará situada na antiga escola de Nemiña e será xestionada pola entidade Colaxe, grazas á colaboración do Concello de Muxía, que pon á súa disposición o local.
Esta nova concesión supón a incorporación de 10 novas prazas de atención ás persoas maiores e permitirá que Muxía dispoña dun total de 25 prazas de Casa do Maior, sumando as correspondentes aos dous novos servizos conseguidos desde a chegada do PP ao goberno municipal.
Desde o Partido Popular queren agradecer expresamente á Xunta de Galicia e á conselleira de Política Social, Fabiola García, a súa implicación e sensibilidade coas necesidades do municipio, así como o seu compromiso co desenvolvemento de recursos que permiten mellorar a atención ás persoas maiores no rural.
Os populares destacan que estas iniciativas son un exemplo da importancia da colaboración entre administracións para achegar servizos á cidadanía, especialmente en concellos como Muxía, cunha importante dispersión territorial e unha elevada necesidade de recursos de atención de proximidade.
15 novas prazas en dous anos: feitos e resultados para Muxía
O PP de Muxía subliña que, desde a súa incorporación ao goberno municipal, o concello conseguiu dúas novas Casas do Maior, que suman 15 novas prazas de atención ás persoas maiores. Un resultado que consideran especialmente relevante nun ámbito prioritario para o benestar da poboación.
A área de Política Social, cuxa responsabilidade recae no Partido Popular dentro do goberno municipal, tivo un papel fundamental no impulso destas iniciativas, facilitando a colaboración necesaria para a súa implantación e poñendo á disposición da Xunta e das entidades xestoras os espazos municipais necesarios.
Neste sentido, os populares queren recoñecer tamén o traballo e a implicación da concelleira de Política Social, Sofía López, cuxo compromiso foi fundamental para facer realidade estes avances e continuar ampliando os servizos destinados ás persoas maiores de Muxía.
A nova Casa do Maior de Nemiña dá continuidade ao traballo iniciado coa posta en marcha da Casa do Maior de Senande, inaugurada o pasado ano, e á que agora se suma esta nova instalación, ampliando a cobertura deste tipo de recursos no municipio.
Desde o PP consideran que contar con 25 prazas de Casa do Maior representa un avance importante para Muxía, xa que estes servizos contribúen a favorecer a autonomía das persoas maiores, facilitar a conciliación das familias e permitir que moitas persoas poidan permanecer no seu entorno habitual, preto das súas casas e da súa comunidade.
O Partido Popular reafirma así o seu compromiso de seguir traballando desde o goberno municipal para atraer novos recursos, reforzar os servizos sociais e aproveitar a colaboración institucional en beneficio da cidadanía.
“Unha vez máis, a Xunta de Galicia cumpre con Muxía. Pero tamén hai un traballo municipal detrás destes resultados: xestionar, colaborar e poñer os medios necesarios para que os proxectos se fagan realidade. En só dous anos conseguimos 15 novas prazas de Casa do Maior para o noso concello, e imos seguir traballando para que Muxía avance”, sinalan desde o Partido Popular de Muxía.
