O proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” chega á Costa da Morte cun novo embarque de mocidade

2 minutes read
galp
  • Dous mozos de 15 e 16 anos participarán o vindeiro martes 20 de outubro nunha xornada de traballo a bordo do pesqueiro Vilan Uno, con saída desde o porto de Camariñas.

O proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar” continúa desenvolvendo os seus embarques formativos nos diferentes territorios dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia. Nesta ocasión, a actividade terá lugar no territorio do GALP Costa da Morte, ofrecendo a dous mozos da zona a oportunidade de coñecer de primeira man a realidade profesional do sector marítimo-pesqueiro.
O embarque realizarase o vindeiro martes 20 de outubro, con saída ás 06:00 horas desde o porto de Camariñas. Os participantes serán Xabi, de 15 anos, e Nicolás, de 16 anos, ambos veciños do territorio do GALP Costa da Morte, que vivirán esta experiencia a bordo da embarcación pesqueira Vilan Uno, patroneada por Tono.
Durante a xornada, os dous mozos poderán achegarse ao traballo diario dunha embarcación profesional, compartir tempo coa tripulación e descubrir de primeira man as tarefas, os coñecementos e as habilidades que require a actividade pesqueira. Esta experiencia permitiralles coñecer mellor unha profesión estreitamente vinculada á identidade, á economía e á cultura das comunidades costeiras galegas.
Os embarques constitúen unha das accións máis destacadas do proxecto “Relevo Xeracional: O Futuro do Mar”, xa que permiten á mocidade vivir experiencias directas xunto aos profesionais do sector, coñecer as diferentes saídas laborais e descubrir as oportunidades de futuro que ofrece o ámbito marítimo-pesqueiro.
Impulsado conxuntamente polos oito Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) de Galicia, o proxecto ten como obxectivo fomentar o relevo xeracional no sector, achegando a mocidade á realidade destas profesións e promovendo a Formación Profesional Dual como unha vía de acceso á formación e ao emprego cualificado no ámbito do mar.
Con esta nova experiencia no territorio do GALP Costa da Morte, o proxecto continúa percorrendo o litoral galego para favorecer o contacto directo entre a mocidade e os profesionais do mar, contribuíndo a dar a coñecer as oportunidades laborais dun sector esencial para o futuro das comunidades costeiras.