O PP de Muxía insta ao alcalde a cumprir a súa palabra e negociar o POS

1 minutes read
  • A formación confía en que haxa dialógo para que o municipio non perda máis de 600.000 euros

O grupo do Partido Popular no concello de Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, insta ao alcalde socialista, Iago Toba, a que «cumpra a súa palabra e negocie o POS». Os populares lembran que a aprobación do POS do pasado ano estaba supeditado a que se negociasen os sucesivos pero, a pesar de que o rexedor manifestou hai unhas semanas que convocaría unha comisión para tal finalidade, «a día de hoxe non recibimos ningunha convocatoria, nin oficial nin extraoficial».

Vilela tamén fai fincapé en que durante o último pleno se plasmaron as reivindicacións da oposición como a segunda fase do saneamento de Frixe, a depuradora de Quintáns, os camiños interiores de Sorna e a carretera que vai dende Armear a Labexo. «Non é discutible que son obras necesarias», comenta a portavoz do PP, quen ademais destaca que desde a formación tenden a man ao grupo de goberno para sacar adiante un «POS conxunto que satisgada a todos», e para isto é necesario que exista un diálogo previo sen que haxa «unha imposición dun goberno que parece non comprender que non ten maioría plenaria para gobernar de xeito unilateral». Ademais, os populares consideran que «aínda incluíndo estas obras, quedaría unha parte importante do POS para que o grupo de goberno dispoña del como considere».

Considerando a súa proposta como «máis que razoable», o PP muxián síntese esperanzado en que o executivo local dialogará xa que non cren que o alcalde «queira ser o culpable de facerlle perder a Muxía máis de 600.000€».