- Considera que a decisión do goberno local prexudica aos axentes e mediadores do Concello encargados de xestionar estes servizos ata agora
O grupo do Partido Popular no Concello de Muxía, a través da súa portavoz, Sandra Vilela, levará ao vindeiro pleno municipal a súa queixa sobre unha decisión tomada polo goberno local que afecta á xestión da carteira de seguros municipais.
En concreto, os populares censuran o feito de que o executivo local decidise nas últimas semanas poñer en mans dunha entidade bancaria todos os seguros que ten vixentes o Concello, deixando así sen unha importante parte do seu negocio aos axentes, corredores e mediadores que traballan no municipio. “Ata a data, o Goberno local repartía a súa carteira de seguros entre os moitos profesionais que traballan e que teñen a súa sede en Muxía”, apuntou Vilela, quen cualificou de “aberrante” a decisión tomada polo executivo local tendo en conta que, tal e como explicou, a medida supón un “duro golpe” para a xa maltreita economía do concello, minguada polas consecuencias da pandemia que xerou o Covid-19.