O PP de Ourense pide oficializar o Día da Galiza Mártir, mentres Casado renega da memoria histórica

3 minutes read

Mentres a cúpula dos populares teima na ofensiva contra a lei de memoria histórica o PP de Ourense, cuxa dirección provincial apoiou abertamente a Soraya Sáenz de Santamaría durante as eleccións internas do partido, vén de formular unha proposta que vai nun sentido abertamente oposto. Poucos días despois de recibir en instalacións da Deputación o cadro de Castelao “A derradeira leición do mestre, símbolo da condena do galeguismo e o republicanismo” fronte á represión franquista, o grupo dos populares na institución provincial vai pedir formalmente ao Parlamento, e a través del á Xunta, facer oficial a conmemoración do Día da Galiza Mártir. Ou, o que é o mesmo, que o Parlamento e o Goberno galego homenaxeen cada ano as vítimas do franquismo na xornada en que se lembra o asasinato de Alexandre Bóveda e se evoca a súa figura, como xa pediron diversos concellos galegos nos que o PP non goberna.

Os de José Manuel Baltar argumentan esta petición, xa comunicada á Fundación Alexandre Bóveda, nunha moción de seis páxinas rexistrada o pasado 13 de marzo para sometela ao pleno da institución, onde contan con maioría absoluta. O texto comeza explicando que “o marco constitucional da II República española” foi a “primeira vez que os dereitos e liberdades do pobo galego foron recoñecidos xurídica e politicamente” mediante o Estatuto de Autonomía de 1936, aprobado “poucas semanas” antes da “sublevación dunha parte das forzas armadas” xunto a “sectores reaccionarios e organizacións paramilitares” contra “o Estado de dereito constitucional” e “o lexítimo goberno” republicano.

É “sabido”, continúa a moción do PP, que en Galicia non existiu “fronte de guerra”, senón que “o chamado Movimiento Nacional” foi imposto “pola forza das armas” mediante unha “brutal represión” que Castelao retratou no seu álbum Galicia Mártir e despois, no devandito cadro, no que se representa un mestre asasinado co rostro de Bóveda, “home cristián e decente” con “insubornable compromiso político coa súa terra”.

Das homenaxes a Bóveda no exilio, lembran, xurdiu a conmemoración do 17 de agosto como ‘Día dos Mártires galegos’, xermolo do Día da Galiza Mártir que a Fundación Alexandre Bóveda e forzas do nacionalismo e da esquerda celebran cada ano. O PP obvia esta data agás contadas excepcións, caso do alcalde de Cerdedo-Cotobade.

A “inxustiza histórica” do asasinato de Alexandre Bóveda, continúa a moción do PP, debe ser “reparada” mediante a “rehabilitación institucional da súa figura” e da “divulgación do seu inxente traballo a favor da causa da liberdade, da democracia, do autogoberno e do progreso de Galicia. A través del, reclaman, cada 17 de agosto deben ser honradas “todas as persoas mártires da liberdade na historia do pobo galego”.

Con todos estes argumentos o PP ourensán remata a súa moción apelando ao cumprimento dunha proposición aprobada no Parlamento a instancias do BNG no ano 2006 -cando PSdeG e Bloque sumaban maioría-para rehabilitar a figura de Alexandre Bóveda, na que o Grupo Popular se abstivo parcialmente. Xunto a esa petición “instarán” formalmente o Parlamento a “instituír como Día da Galicia Mártir o día 17 de agosto de cada ano, con carácter de celebración na comunidade autónoma de Galicia, en memoria e homenaxe” da cidadanía galega que “deu a súa vida ou padeceu o exilio por defenderen as liberdades e dereitos democráticos e do pobo galego, plasmados no marco constitucional daquela vixente, no primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia, plebiscitado o 28 de xuño de 1936. +info praza.gal.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?