O grupo do Partido Popular na Deputación da Coruña votou este venres en contra do orzamento presentado polo Goberno provincial ao entender que se trata dun “suma e segue” dun proxecto encabezado por Valentín González Formoso que está “esgotado” e “sen criterio político” que permita sacar da “rutina” e a “falta de ambición” na que se atopa dende anos o executivo.
Na súa intervención, o voceiro dos populares, Evaristo Ben, apuntou o que documento é unha proba máis da visión “desenfocada, superficial e conformista” que ten do Goberno provincial. “O problema non é orzamento, o problema é que vostedes non saben xestionalo. Non revisan, non corrixen e non avalían se a inercia das súas políticas segue tendo sentido”, indicou.
Nesta mesma liña, o popular defendeu a posición contraria do seu grupo ás contas provinciais argumentando que o orzamento non permitirá pechar brechas entre concellos, nin servirá para garantir servizos básicos nos municipios máis pequenos.
Ben detívose en tres aspectos que cualificou de “determinantes” á hora de valorar as contas provinciais para o 2026. O primeiro deles fai referencia á visión desenfocada do papel que debe xogar a Deputación como institución.
“Vostedes manteñen, ano tras ano, unha interpretación inflada, oportunista e profundamente egocéntrica das competencias provinciais”, afirmou Ben, quen acusou ao executivo provincial de atribuírse novas responsabilidades, competindo con frontes que non corresponden á Deputación. “Actúa como unha ‘mini-Xunta’, desvía fondos cara a competencias impropias e logo quéixanse de que teñen que asumir gastos que xeran vostedes mesmos”, explicou.
Lonxe de quedarse aquí, o voceiro popular acusou ao Goberno provincial de non ser capaz de priorizar a posta en marcha de plans específicos que permitan mellorar servizos esenciais como o abastecemento, o saneamento e as infraestruturas dos municipios.
Unha xestión superficial
Ben cargou tamén contra a falta de control político que, ao seu xuízo, leva anos instalado no executivo provincial. “Non existe nin unha soa avaliación rigorosa do sistema de subvencións, nin fixeron estudios para coñecer os custos reais dos servizos obrigatorios en concellos de menos de 20.000 habitantes”, lamentou o popular, quen asegurou que, mentres outros goberno provinciais avanzan, innovan, planifican e acompañan aos seus municipios, o goberno de González Formoso cre que xestionar é “ocupar a institución de modo automático”.
Desde o grupo popular aproveitaron unha vez máis para a referirse ao que cualificaron de “indolencia” na execución orzamentaria. Un feito que, segundo Ben, provoca que ano tras ano a Deputación da Coruña acumule diñeiro público nas contas bancarias en lugar de destinalo a poñer en marcha proxectos, obras e mellorar as infraestruturas dos 93 municipios da provincia.
“O deseño actual do Plan de Obras e Servizo (POSPOS) é un freo real á execución. Estamos ante un plan ríxido nos procedementos, lento, burocratizado e que contribúe directamente ao atasco do gasto”, lamentou o popular.
Noutras palabras, engadiu Ben, o actual sistema de repartición de fondos provincial é un modelo “pesado, ineficaz e profundamente contraditorio” co discurso de liberdade municipal que, na súa opinión, defende “teoricamente” o Goberno de González Formoso.
Un goberno que administre
Por último, o voceiro dos populares defendeu que o seu grupo cree na “importancia” de contar cunha administración seria, que administre e non improvise, que planifique e non reaccione mal e tarde, que xestione con rigor e non desde a comodidade.
“Os veciños da provincia merecen un goberno que estea á altura do que necesitan, un goberno que non bloquee investimentos, que non retarde aos concellos e que teña ambición por mellorar as cousas”, concluíu Ben.