O PSdeG supera por primeira vez nuns comicios ao PP en Galicia, que acada o seu peor resultado no país. Os socialistas son os máis votados no Estado e tamén a nivel galego, neste caso por primeira vez. A fragmentación na dereita golpeou a habitual fortaleza do PPdeG, que suma nove escanos e non alcanza os dez, cifra que fora o seu peor resultado histórico. É a primeira derrota do Partido Popular a nivel autonómico desde que se denomina así. Nunca desde 1989 a formación conservadora non acadara o primeiro posto nuns comicios galegos.
O PSdeG vence con máis do 32% dos votos, dez puntos máis que hai tres anos, e suma dez escanos en Galicia, recollendo votos de ambas beiras e aproveitándose tamén da división no espazo á súa esquerda, pero sobre todo da apelación ao voto útil. En Común-Unidas Podemos obtén dous representantes, un pola Coruña e outro por Pontevedra, mentres que En Marea sae moi tocada, con apenas o 1% dos votos, resultado moi achegado ao obtido polo PACMA. O BNG, pola súa banda, dobrou os seus apoios respecto das xerais de 2016 pero non deu conseguido representación tras quedar preto do 6% de apoio.
Na dereita, Ciudadanos irrompe tamén no escenario galego das xerais con dous escanos, pola Coruña e por Pontevedra e máis do 11%, mentres que a extrema dereita de Vox, malia sumar un importante apoio, non obtén representación tras obter máis do 5% de votos e uns 86.000 sufraxios que optaron por unha formación ultra.

En 2016, cando Feijóo foi preguntado polos resultados das eleccións xerais, asegurara que daquela foran dos que lle gusta ter ao PP, “por riba do 40%”. Agora, case tres anos despois, quedou por debaixo do 28% e superado polo PSOE. Nin en Galicia, tradicional feudo popular, aguantaron os populares. Por primeira vez desde que existe, o Partido Popular non é a primeira forza electoral no país.
O PPdeG, respecto a 2016, perdeu máis de trece puntos en Galicia, mentres que Ciudadanos medrou dous e Vox irrompeu con máis dun 5%. O bloque da dereita recomponse, baixa en apoio e a esquerda imponse liderada polo PSOE, que gaña dez puntos en tres anos. O espazo progresista suma máis do 53% dos votos.
Gonzalo Caballero, líder do PSdeG, destacou que “a mobilización masiva permitiu un novo tempo político” e que “por primeira vez na historía democrática do país” o socialismo gañou as eleccións en Galicia “de forma clara e contundente”. “Pecha o ciclo político do PP como primeira forza do país”, engadiu.