O PP reclama a continuidade do GES de Ponteceso e sete máis

1 minutes read

O grupo provincial do Partido Popular levará ao próximo pleno da Deputación da Coruña unha moción na que esta formación reclama que a institución provincial destine os fondos necesarios para a renovación do convenio para o financiamento do labor desenvolvido polos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES) de Ponteceso, Padrón, Curtis, Brión, Ortigueira, Mugardos, Muros e Noia durante o período 2022-2024.

O texto presentado polos populares recolle tamén a demanda para que a Deputación da Coruña achegue os medios económicos suficientes para que estes grupos poidan contar coas melloras propostas pola Xunta de Galicia, consistentes, segundo o PP, en actualizar os salarios de todos os traballadores dos GES.

Outra das medidas postas sobre a mesa consiste en incrementar o persoal para que todos os GES teñan 12 efectivos, o que suporía contar con 48 persoas máis para distribuír entre os grupos que no seu momento foron concibidos como SubGES con 6, 9 ou 10 membros.