- O obxectivo é dar atención psicolóxica e acompañamento a este sector da poboación que vive na provincia da Coruña
O grupo provincial popular da Deputación da Coruña, a través da súa voceira, Rosa Gallego, enviou este luns unha carta ao presidente da institución, Valentín González Formoso, na que lle reclama a posta en marcha dunha campaña dirixida a atender ás persoas maiores que viven soas.
Os populares entenden que a prórroga por outros 15 días máis do estado de alarma, anunciada onte polo Presidente do Goberno e que, previsiblemente, se aprobará nos próximos días, pode favorecer estados depresivos e un aumento da sensación de vulnerabilidade e medo entre o sector de poboación maior.
Por este motivo, e para xestionar o illamento e reducir a angustia, a popular expuxo na carta a necesidade de poñer en marcha unha campaña de atención a persoas maiores que viven soas co obxectivo de dar atención psicolóxica e acompañamento a este sector da poboación.
“Trátase de poñer ao dispor das persoas maiores que viven soas na provincia unha serie de teléfonos aos que poidan chamar para consultar dúbidas, solicitar información ou, simplemente, escoitar un consello ou a voz doutra persoa e recibir apoio mentres dure a situación de excepcionalidade que provocou o COVID19”, dixo.
Os teléfonos, reclamou Gallego, deben ser atendidos por especialistas (psicólogos e educadores), voluntarios que están a estudar ou estudaron psicoloxía, educación social, etc, que traballarán para evitar o illamento social destas persoas, transmitíndolles ideas para permanecer activos ou sinxelamente, para manter conversacións como a que puidesen ter cun amigo ou un familiar.