A maioría absoluta do PP no Senado rexeitou unha iniciativa de Junts per Catalunya na que se propuña reformar o regulamento da Cámara Alta para estender o uso do galego, euskera e catalán a toda a actividade parlamentaria, como xa ocorre no Congreso.
O Partido Popular, inclusive os seus senadores galegos, fixeron valer a súa maioría de senadores na Cámara Alta e rexeitaron a toma en consideración desta reforma do Regulamento do Senado para incorporar as linguas cooficiais a todos os debates. O que propoñía Junts era a “integración total” das linguas cooficiais na actividade parlamentaria do Senado, incluídas as comisións, a presentación e publicación das iniciativas, así como os textos rexistrados por institucións e cidadáns.
Na actualidade, o uso das linguas cooficiais no Senado está limitado aos debates das mocións no Pleno, a Comisión Xeral das Comunidades Autónomas e a presentación dalgúns textos escritos. De feito, a Mesa do Senado licitou recentemente un contrato para os servizos de tradución e interpretación das linguas cooficiais que pode alcanzar unha cifra de ata 756.000 euros, aínda que a proposta do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, de celebrar un Pleno máis ao mes podería aumentar este gasto.
Durante o debate da iniciativa, ERC anunciou que rexistrou unha proposta para que o Senado organice un seminario sobre a implementación da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias, con motivo da celebración do 25 aniversario. A senadora do BNG, Carme da Silva, manifestou que considera “incomprensíbel” que a cámara de representación territorial “fique atrás” no uso das linguas oficiais, “que si poden empregarse no Congreso”.