As solicitudes de matrícula para o curso 2026/27 poderán presentarse no departamento de Servizos Sociais ou na sede electrónica.
As familias de nenos e nenas escolarizados este curso terán ata o 31 de marzo para pedir a renovación das súas prazas. Neste caso, deberán presentar a documentación dos seus ingresos económicos actualizados, así como outros datos que poidan variar a situación sociofamiliar con respecto ao curso anterior.
En canto á admisión de novo alumnado, o prazo para enviar as solicitudes permanecerá aberto ata o 15 de abril. Posteriormente, o 10 de maio, exporase a relación provisional de admitidos e a listaxe de agarda no taboleiro de anuncios do Concello, antes de facerse definitiva o 24 de maio.
A formalización das matrículas poderá efectuarse entre o 1 e o 15 de xuño. Haberá que achegar diversa documentación, como o contrato da matrícula de prestación de servizos, a copia do DNI ou NIE de quen vaia recoller o menor e a cartilla de vacinación do alumno, entre outros.
Toda a documentación necesaria e os detalles do proceso son públicos na páxina web do Concello. En caso de requirir máis información, tamén se pode contactar co departamento de Servizos Sociais.
A Escola Infantil Municipal ‘A Casa dos Títeres’, localizada en Canduas, cumpre unha función eminentemente social e educativa. Proporciónalle á infancia de Cabana unha atención integral sen distinción de raza, sexo ou condición social ou económica, mediante un programa global que garanta o pleno desenvolvemento físico, intelectual, afectivo, social e moral.
Ao mesmo tempo, a EIM coopera con pais, nais, titores ou representantes legais dos nenos para facilitar a conciliación da vida familiar e laboral e conseguir a mellor integración entre o centro e as familias.