O Premio Artesanía de Galicia 2025 recoñeceu o obradoiro de cerámica do malpicán Alberto Lista

1 minutes read

O Premio Artesanía de Galicia 2025 (cunha dotación económica de 9.000 euros) recoñeceu por primeira vez unha peza colaborativa de dous obradoiros diferentes, o do malpicán de cerámica Alberto Lista e o de marroquinería pontevedrés Coiro Tres Pés. En concreto, Nemein, un xogo de té en gres branco e mate que é portátil grazas a unha funda de coiro negra, da que o xurado destacou o seu exquisito deseño, que funde tradición e estilo contemporáneo, así como permanencia e mobilidade, avogando pola perfecta simbiose entre as dúas disciplinas.

Un recoñecemento que confirma, unha vez máis, o enorme talento que ten o municipio de Malpica e o valor da tradición oleira de Buño, capaz de innovar sen perder a súa esencia. O alcalde de Malpica, Eduardo Parga, estivo presente no acto de entrega do galardón, acompañando e apoiando ao artesán local nun día tan especial.

Estes galardóns foron entregados en Santiago de Compostela e teñen como fin poñer en valor o bo facer artesán da Comunidade galega, ademais de estimular este motor socioeconómico e cultural que contribúe a vertebrar o territorio e a fixar poboación.