O presidente de Afaber, Jesús Villar, acude en Pontevedra á inauguración do novo centro terapéutico de Afapo

2 minutes read

O pasado luns o presidente de Afaber (Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer de Bergantiños) e vicepresidente de Fagal (Federación Alzheimer Galicia), Jesús Villar Antelo, desprazouse a Pontevedra para a inauguración do novo centro terapéutico de Afapo (Asociacion de Alzheimer de Pontevedra). Estiveron presentes o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, a conselleira de Benestar Social, Fabiola Garcia, o presidente da Deputacion de Pontevedra, Luís López, o Alcalde de Pontevedra Miguel Fernández, e o presidente de Afaco, José Manuel Fontenla.

Rueda salientou a evolución e o labor exemplar de Afapo ao longo de máis de dúas décadas, resaltando que este novo espazo simboliza a capacidade de superación dunha entidade que comezou con recursos limitados e que hoxe pode atender ata 200 usuarios, fronte aos 25 que atendía hai apenas cinco anos. O titular do Goberno galego atribuíu este crecemento á calidade e dedicación do traballo de Afapo, así como á confianza xerada entre as familias e ao valor dos servizos que presta.

O presidente referiuse tamén ao apoio da Xunta á entidade, lembrando que, desde 2012, lle confía a xestión do centro de día de alzhéimer en Pontevedra, con 35 prazas públicas, e que se concertaron outras 20 prazas nos centros de Moraña e Marín.

Neste contexto, subliñou a importancia destas axudas sociais, cun orzamento inicial de 33,2 millóns de euros, pero que prevé incrementarse ata os 35,5 millóns na nova convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia. Estes fondos posibilitarán que entidades como Afapo continúen mellorando instalacións e desenvolvendo programas de atención.

Así mesmo, lembrou que o alzhéimer é a principal causa de discapacidade e dependencia nas persoas maiores con máis de 70.000 afectados en Galicia e uns 5.000 novos diagnósticos cada ano, polo que considerou imprescindible apoiar ás familias e aos profesionais que traballan para mellorar a calidade de vida dos doentes.