O presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo un encontro de traballo no peirao de Caión

1 minutes read

No acto tamén participaron o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, os concelleiros José Ramón Martínez Barbeito e Pablo Cambón, e a xefa de zona Centro – A Coruña de Portos de Galicia, Lorena Solana.

O percorrido que realizaron pola zona portuaria permitiu analizar sobre o terreo distintas necesidades e posibles actuacións orientadas á mellora das infraestruturas. En concreto, abordáronse cuestións relacionadas coa estrada de acceso ao porto, a sinalización viaria para aumentar a seguridade, a iluminación do recinto portuario co obxectivo de facilitar e reforzar a súa actividade diaria e a rede de recollida de augas pluviais no ámbito.

Durante a visita tamén se abordaron outras intervencións de mantemento nas instalacións que se consideran de interese para garantir o bo funcionamento do porto e reforzar as condicións de seguridade en todo o seu entorno.

As actuacións estudadas e consensuadas por ambas partes, que se executarán en próximas datas, redundarán nunha mellora significativa tanto para os profesionais do sector pesqueiro que desenvolven a súa actividade en Caión como para o conxunto da cidadanía, xa que o porto constitúe tamén un espazo de esparexemento moi frecuentado pola veciñanza.

O Concello valora de xeito altamente positivo esta colaboración institucional con Portos de Galicia, subliñando a importancia de seguir avanzando en iniciativas que contribúan a reforzar a seguridade, a funcionalidade e a integración do porto na vida diaria da vila, consolidándoo como un espazo clave para o desenvolvemento económico e social da Caión en particular e do municipio da Laracha en xeral.