O profesorado do ensino público mantén a protesta contra o acordo educativo

2 minutes read

Convocados polos sindicatos CIG, STEG e CSIF, con apoio da CUT, máis de 2.000 profesores e profesoras galegas volveron saír este martes á rúa para reclamar a redución do horario lectivo a 18 horas en Secundaria e a 21 en Primaria, así como unha redución de ratios “asumíbeis”, na segunda xornada de folga en protesta polo acordo asinado entre a Xunta e CCOO, ANPE e UXT.

O secretario nacional de CIG-Ensino, Suso Bermello, sinalou que o seguimento da folga é similar á celebrada fai catro semanas, cando estimaron un 60%, con “unha lixeira tendencia á alza en Secundaria e á baixa en Primaria”, onde se nota, dixo, “o efecto da división que provoca a división sindical”. Con todo, quixo remarcar que os datos son “parciais”, mentres a Xunta reduciu a cifra de seguimento a 9,37%. Para o representante da central nacionalista, “chama a atención” o feito de que a Comunidade de Madrid chegase a un preacordo cos sindicatos para recuperar o horario das 18 horas. “Chama a atención como un sector do PP que supostamente pasa por máis liberal e reaccionario pacte unha mellora substancial das condicións de traballo do profesorado madrileño e que aquí se nos negue”, protestou.

Ademais, lamentou que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, “mirase para outro lado” ou “dirixise intencionadamente” un acordo “cuestionado polo profesorado”. Así, dixo botar en falta que o responsábel autonómico “tome cartas no asunto” e cuestionou se o conselleiro “pode formar parte da solución ou se ten que botar ao carón por incapacidade manifesta”.

“Esta é a última chamada que facemos á posibilidade de chegar a un entendemento, de que se nos convoque e podamos negociar eses elementos que levamos meses reclamando: a redución do horario lectivo a 18 en Secundaria e a 21 en Primaria e a redución das ratios asumíbeis”, asegurou. Neste sentido, explicou que co acordo alcanzado entre Xunta e CC.OO., ANPE e UXT un alumno que estea escolarizado nunha aula de 3 anos, con 24 ou 25 alumnos, “en toda a súa vida académica non vai ver a redución de ratios”. “Iso é o que se acaba de acordar”, censurou.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?