Nesta nova edición, que se desenvolverá en 12 centros galegos entre o 24 de xaneiro e o 13 de febreiro, participarán 4.564 persoas entre alumnado, profesorado e persoal de administración e servizos, unha cifra que supera nun 20% a do ano pasado e que supón, ademais, a máxima participación nos cinco anos de traxectoria que suma esta iniciativa de dinamización lingüística.
Baixo o lema Falando para un mundo mellor, que motiva á rapazada a medrar no uso do galego, o alumnado do último ciclo de Primaria, ESO, Bacharelato e FP intensificará voluntariamente a súa expresión en galego durante os 21 días que funciona o programa. Disto quedará constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa no que se mostrarán as creacións dos centros participantes, así como tamén nas contas de Facebook, TikTok, Instagram e Twitter.
Ademais, 21 días co galego e + manterá a colaboración externa co programa Galicia por diante, da Radio Galega, onde terá unha sección diaria de luns a venres durante estas tres semanas; e co programa Dígocho eu!, da CRTVG, que terá encontros co alumnado dos 12 centros educativos.
Como novidade, este ano celebrarase o I Encontro 21 Días co Galego e +, que reunirá o alumnado de todos os centros participantes o vindeiro 28 de febreiro no Gaiás para compartir moita lingua a través das súas experiencias no programa.