O programa de dinamización lingüística “FalaRedes” retoma a súa actividade

O programa de dinamización lingüística FalaRedes, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ofrécelles aos concellos e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística actividades en galego para o tempo de lecer coa finalidade de ampliar a oferta de ocio no noso idioma, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo en galego.

O secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, asistiu no Museo do Mar de Galicia ao regreso, tras o descanso estival, do programa de dinamización lingüística FalaRedes, que se abre co espectáculo participativo para os máis pequenos da casa Os Bolechas e a Porta dos Camiños.
O representante do Goberno galego recordoulles á cativada asistente que os Bolechas “son nenos coma vós, que viven tamén nunha cidade, que van ao cole e que se divirten sempre en galego”. Por outra banda, Valentín García explicou que o programa de dinamización lingüística FalaRedes vai contar este outono con outras propostas teatrais, audiovisuais ou musicais que ofrecerán opcións variadas de lecer en galego nas catro provincias, con oferta para adultos e para cativos.
Os Bolechas e a Porta dos Camiños, dirixido a nenos de catro a oito anos, percorrerá a partir de hoxe 21 localidades e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, a comezar esta tarde ás 18,30 horas na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove (Pontevedra). Nesta nova aventura, Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia e Tatá botaranlle unha man ao programador informático Haker Mater para poñer a punto a Porta dos Camiños, unha máquina que lles axuda a elixir un dos moitos Camiños de Santiago ás persoas que queren peregrinar e non saben por que vía facelo. Para conseguiren que funcione a máquina, os cinco irmáns, acompañados do seu can Chispa, necesitarán a axuda do público, que se divertirá e aprenderá mentres participa neste reto.