O programa educativo ‘Capitán Mareas’ continúa percorrendo o territorio galego concienciando aos máis pequenos sobre a importancia de manter unha dieta equilibrada onde os produtos pesqueiros xogan un papel esencial. Nesta ocasión, esta iniciativa recalou no municipio de Laxe onde 21 escolares de 5º de primaria do CPI Cabo da Area tiveron oportunidade de participar en actividades como participar nunha poxa ficticia na lonxa, e a realización de xogos ou un obradoiro sobre alimentación e cociña saudable.
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, asistiu á segunda acción que realiza esta iniciativa que apoia o Goberno galego onde valorou como esencial o achegar á mocidade o mundo do mar e a riqueza dos alimentos mariños da comunidade así como os beneficios que presenta para a saúde o seu consumo. O responsable autonómico recordou neste aspecto que o peixe, o marisco e conservas son ricos en ácidos graxos como o Omega-3 que favorece o desenvolvemento cognitivo dos máis pequenos da casa.
Villares, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén Do Campo, animou ao alumnado a aumentar estes alimentos no seu día xa que, así, non só coidan da súa saúde e benestar senón que tamén contribúen a apoiar a actividade pesqueira na comunidade. Nesta liña, subliñou que se trata dunha actividade enraizada na cultura e identidade de Galicia e que resulta fundamental para as economías do conxunto de comunidades costeiras espalladas por todo o litoral galego.
O titular de Mar agradeceu a Velgasa-Eroski a súa alianza co Goberno galego para o desenvolvemento desta iniciativa que afonda nas liñas de traballo de promoción e divulgación dos produtos pesqueiros entre a poboación. Un labor que gaña importancia nun contexto de cambio nos hábitos de alimentación da poboación e de tendencia negativa na presenza deste alimentos na cesta da compra das familias. Nesta ocasión os beneficiarios da iniciativa tomaron conciencia da importancia dunha alimentación saudable e do peixe e marisco máis destacado de cada tempada para poder elaborar un menú semanal por equipos. Uns coñecementos que levaron á práctica da man dos chefs galegos de A Artesa da Moza Crecha, Lolo Mosteiro e Paula Martínez, que se encargarán de ensinar a preparar aos escolares unha receita equilibrada, nesta ocasión co rodaballo como protagonista.