O Programa Integrado de Emprego da Laracha forma a 20 persoas en xestión socioeducativa do comedor escolar

2 minutes read

O Programa Integrado de Emprego do Concello da Laracha comezou a semana pasada a acción formativa de O comedor escolar dende unha perspectiva socioeducativa. O curso, que capacitará a 20 persoas, ten por obxectivo identificar e adquirir os coñecementos pedagóxicos, organizativos e técnicos necesarios para levar a cabo a tarefa específica do comedor escolar.

Así mesmo, a finais deste mes darán comezo outras accións formativas incluídas dentro do Programa Integrado de Emprego. Entre elas atópase o curso de Actuacións en primeiros auxilios, unha formación que presenta unha capacitación de utilidade para o público en xeral ao proporcionar coñecementos básicos para a actuación ante situacións de emerxencia.

Do mesmo xeito, iniciarase o curso de Xestión loxística, unha acción formativa dirixida a mellorar as competencias profesionais no ámbito da organización, almacenaxe e distribución de produtos, facilitando a inserción laboral en sectores cunha elevada demanda de persoal na contorna.

As accións formativas propostas no Programa Integrado de Emprego dan resposta ás oportunidades laborais existentes na Laracha e na súa área de influencia en sectores con crecente demanda como a loxística -coas formacións de Xestión loxística e Condución de carretilla elevadora– ou o comercio -con formacións de Caixa e reposición ou Recepción e atención ao cliente-.

Para completar a formación, dende o servizo de orientación laboral do Programa Integrado de Emprego promoverase a realización de prácticas non laborais en empresas colaboradoras. Con este fin realizase un labor de prospección laboral, tanto achegándose ao sector empresarial comarcal como xestionando ofertas de emprego remitidas por empresas que se atopen na procura de persoal capacitado.

Se algunha empresa está interesada, pode poñerse en contacto co Prograna Integrado de Emprego da Laracha pode facelo vía telefónica nos 981309891, 981612811 ou 621007079, ou por correo electrónico en                programaintegradoemprego@alaracha.gal.

O Concello da Laracha, co financiamento da Xunta de Galicia e do Servizo Público de Emprego Estatal, continúa apostando polo desenvolvemento de políticas activas de emprego, poñendo en marcha iniciativas dirixidas a mellorar a formación das persoas que se atopan en situación de desemprego coa finalidade de aumentar as súas opcións de inserción no mercado laboral.