Nesta ocasión estará dedicado á industria e aos oficios. O encontro, que se desenvolverá na Casa da Cultura da Laracha a partir das 10:30 horas, contará cunha ampla representación institucional e empresarial co obxectivo de poñer en valor o potencial industrial do municipio, visibilizar diferentes actividades profesionais e dar a coñecer novas oportunidades de emprego e emprendemento.
A xornada estará conducida por Ana Adán. O alcalde, José Manuel López Varela, realizará a apertura institucional. No apartado dedicado ás administracións e entidades de apoio ao sector intervirán Marta Vázquez, directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia; Rosana Salgueiro, directora xerente da Fundación Pública de Formación para o Traballo; Rosa Ana García López, deputada provincial de Industria e Emprego da Deputación da Coruña; e Diego Iglesias, presidente de AXOBER.
Un dos principais atractivos do encontro será o espazo dedicado ás experiencias empresariais e profesionais, no que se exporán iniciativas de diferentes ámbitos, desde os oficios tradicionais e os servizos ata a actividade industrial e a economía social.
No apartado de oficios intervirán Jesús Vázquez, director de salón Peluquería J. Vázquez, e Esther Rey, fundadora de Esther Rey Eventos, que estará acompañada de Ramona Pérez, responsable de decoración.
Pola súa banda, o bloque de experiencias industriais contará con representantes de tres empresas implantadas no polígono industrial da Laracha: Diego López, director xeral de Cerámicas Campo; Jorge San Luis, director de márketing de Unifersa; e Cristina Villaverde, integradora social de Coleo.
A través destas intervencións poderanse coñecer diferentes modelos de negocio, traxectorias profesionais e experiencias empresariais, así como os retos e as oportunidades que ofrecen estes sectores. A xornada pretende favorecer o intercambio de coñecementos e achegar á cidadanía a diversidade do tecido produtivo e profesional da contorna.
A asistencia estará aberta ao público, polo que todas as persoas interesadas poderán achegarse á Casa da Cultura para asistir como público.
Último encontro, o 26 de novembro en Caión
Este será o segundo dos tres encontros públicos programados en A Laracha Conecta. O primeiro, dedicado ao sector primario, celebrouse o pasado 13 de novembro no Centro Sociocultural de Paiosaco, cun programa que reuniu representantes institucionais e profesionais da agricultura e da gandería para compartir experiencias e analizar a realidade do agro.
O ciclo pecharase o próximo 26 de novembro cunha terceira xornada en Caión, centrada no turismo e no deporte, na que se abordará o potencial da Laracha nestes ámbitos e o papel das empresas e iniciativas locais na dinamización do municipio.
A Laracha Conecta é unha iniciativa impulsada polo Concello para fortalecer o tecido económico local, fomentar a colaboración entre sectores e promover novas oportunidades de desenvolvemento e emprego. O programa está financiado en colaboración coa Deputación da Coruña no marco das axudas provinciais destinadas á promoción económica.
