“En Madrid, o mellor para Galiza é o BNG”, asegurou a portavoz nacional, Ana Pontón, no mitin de Carballo, no que chamou a concentrar o voto de País na papeleta nacionalista, a alternativa real neste 29N para que Galiza gañe, para avanzar na conquista de dereitos sociais e para loitar por unha vida digna para todos e todas.
“Darlle máis forza ao BNG en Madrid é gañar peso político para defender a dignidade de Galiza, porque neste Estado, ou te fas valer ou o centralismo madrileño arrásanos a todos”, sostivo no mitin que compartiu co cabeza de lista do BNG pola Coruña, Néstor Rego, no que incidiu en que unha maior representación do nacionalismo galego no Estado supón avanzar en solucións para os problemas dos galegos e as galegas.
Apoiar o BNG significa, subliñou Pontón, que Galiza “se faga respectar e se faga valer” para avanzar e para frear a discriminación á que a someten as forzas estatais. “Trátase de estar con máis forza para deixar claro que a enerxía ten que servir para crear riqueza aquí, que non imos ser a colonia enerxética de Madrid, de defender o noso territorio, de frear proxectos destrutivos como Altri ou a megaminería, de dicir que queremos tren de mercancías ou de reclamar máis investimento”, exemplificou.
Pontón apelou ademais o voto rebelde e inconformista para, da man do BNG, levar ás urnas o espírito das mobilizacións do 11-N en defensa dunha vida digna, unhas mobilizacións nas que o pobo galego estivo na vangarda do Estado para deixar claro, destacou, que “loita polo seu futuro” e que “nin se cala nin é submiso como lles gustaría a moitos”, nun mitin no que tamén participou o alcalde de Carballo, Daniel Pérez, e a candidata pola comarca, Tatiana Rellán.
“Basta xa de traballar e non chegar a fin de mes, de que a vivenda sexa un luxo, de que a nosa mocidade teña que renunciar a construír un futuro na súa propia terra”, proclamou, para asegurar que a esperanza que os galegos e as galegos fixeron ver no 11-N “non pode quedar nas rúas” e “ten que chegar tamén ás urnas o 29-N cun apoio histórico ao BNG”.
Cada voto ao BNG, argumentou, é ademais un voto menos para que chegue a gobernar no Estado a dereita máis reaccionaria, cun Feijóo á cabeza que, dixo, cambiou o “Galiza, Galiza, Galiza, polo Madrid, Madrid, Madrid” e agora vén facer “turismo electoral” presumindo de ser un “gran xestor” cando os galegos e as galegas saben que aquí deixou un País peor, con máis débeda e recortes na sanidade, na educación ou na dependencia.
Tirando de ironía, referiuse á vivenda como un bo exemplo da “gran xestión” de Feijóo: “Resulta que o mesmo Feijóo que dinamitou a política social de vivenda como presidente da Xunta, o mesmo que durante 13 anos deu barra libre á especulación, anuncia que se vai cargar o Ministerio de Vivenda. A Feijóo sóbranlle as políticas sociais de vivenda, porque a súa estratexia é seguir facendo negocio cun dereito básico, como fixo en Galiza, onde entregou só 15 vivendas en alugueiro”.
“Nós non imos permitir nunca unha involución”, deixou claro Pontón en alusión a ameaza que supón o tándem Feijóo-Abascal sobre dereitos xa conquistados e nun contexto no que, ademais, estase acelerando a desigualdade. “As solucións dos poderosos xa as coñecemos, porque a súa folla de ruta é clara: máis concentración da riqueza e máis desigualdades”, advertiu.
Na mesma liña, puxo ao BNG como alternativa fronte as forzas que “cuestionan o estado de benestar, os servizos públicos e as pensións, poñen na diana aos inmigrantes e, como non, intentan espremer máis á clase traballadora e atacan os dereitos das mulleres”.
“Din que non hai recursos para a dependencia, a sanidade, a educación ou a vivenda, pero de repente chega a OTAN, toca arrebato e resulta que os cartos aparecen maxicamente”, alegou, criticando neste punto tamén o elevado gasto militar do Goberno “que se autoproclama o máis progresista da historia”. “En 2025 duplicou o gasto militar, que xa absorbe 35.000 millóns de euros”, precisou, para engadir que “o problema non é de recursos, senón de prioridades”.
Tal e como asegurou a líder do Bloque, estamos nun contexto no que “Galiza xógase máis que nunca” e por iso o Bloque é a única alternativa para defender, a partir do 29-N, os seus intereses e cambiar o guión da discriminación. “Aquí quen manda é o corazón, escoitádeo e veredes que vos di, que en Madrid o mellor para Galiza é o BNG”, concluíu nunha mensaxe aos galegos e as galegas.
Pola súa parte, Néstor Rego animou a aumentar a forza do BNG para servir mellor ao País porque “canta máis forza teña o BNG en Madrid, máis forza terá a Galiza” e alertou sobre a necesidade de traballar para derrotar ao PP que “xa non oculta o que vai facer” e van vir recortes nas pensións, nos dereitos das mulleres, na democracia ou na lingua galega.
Nesta liña, criticou a un Feixoó que xa “dixo que o primeiro que vai facer é prohibir o uso do galego no Congreso”. “Non llo imos permitir. A nosa lingua non se proscribe en ningún sitio e imos pelexar por ela!”, enfatizou. Igual que “o feminismo non lles vai permitir nin un paso atrás”, aseverou.
En relación ás pensións, Rego advertiu que “as van privatizar para grande negocio dos seus amigos da banca”, deixando claro que BNG xa contribuíu a subilas nesta lexislatura e “queremos subilas aínda máis até que sexan o 60% do SMI para ter unha vellez tranquila”. No que atinxe á vivenda, ironizou coa promesa de Feixoó de crear un millón de vivendas, sinalando que “ten o récord de incapacidade de creación de vivenda pública na Galiza”.
O cabeza de lista ao Congreso pola Coruña apelou a frear ás dereitas. “E para paralos está o BNG. A forza máis útil e a que defende a Galiza todos os días. Temos que frear ás dereitas pero temos que avanzar. Ninguén se ocupa deste País se non está o BNG. Hai que mudar o rumbo, e a única dirección para mudalo é confiar no BNG. Só o pobo galego manda en nós”, concluíu subliñando que o BNG foi a única forza que nada mais chegar a Madrid colocou un paquete de medidas para Galiza”.
