Malpica combaterá a violencia machista cunha ambiciosa programación dirixida ao alumnado dos seus centros educativos

4 minutes read

Baixo o lema “Malpica non mira cara ao outro lado”, o Concello de Malpica pon en marcha unha programación especial con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

O Concello de Malpica de Bergantiños, a través da área de Igualdade, organiza unha serie de actividades para conmemorar o 25 de novembro, co obxectivo de lembrar que “ningunha muller debe sentirse soa e que a violencia machista non pode ter cabida na nosa sociedade”.

O Concello destaca que combater a violencia machista é unha responsabilidade de toda a sociedade. Neste sentido, considera fundamental educar na igualdade desde idades temperás, aprender a identificar as situacións de violencia e fomentar o respecto e o apoio ás mulleres que a sofren.

Un dos eixes principais da programación son os obradoiros que se están a desenvolver nos centros educativos do municipio, nos que participan 105 nenos e nenas do CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño e do IES Urbano Lugrís de Seaia. A través destas actividades búscase que a mocidade reflexione sobre as relacións, identifique comportamentos que non deben normalizarse e comprenda a importancia de construír redes que protexan, acompañen e axuden.

PROGRAMACIÓN

LUNS, 16 DE NOVEMBRO

Obradoiros nos centros educativos para achegar a prevención da violencia machista á realidade diaria da mocidade e axudala a recoñecer actitudes de control, abuso e desigualdade que moitas veces pasan desapercibidas. A educación e a sensibilización son ferramentas fundamentais para aprender a relacionarse desde o respecto e a igualdade.

CEIP Joaquín Rodríguez Otero de Buño

  • Horario: de 9.40 a 11.20 h.
  • Destinatarios: alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria.
  • Impartido por: Malaika Cousillas.

IES Urbano Lugrís

  • De 9.35 a 11.15 h.: alumnado de 3º da ESO.
  • De 11.45 a 13.25 h.: alumnado de 2º da ESO.
  • Impartidos por: Candela Martínez.

VENRES, 20 DE NOVEMBRO

Continúan os obradoiros no IES Urbano Lugrís:

  • De 9.35 a 11.15 h.: alumnado de 4º da ESO.
  • De 11.45 a 13.25 h.: alumnado de 1º da ESO.
  • Impartidos por: Candela Martínez.

MARTES, 24 DE NOVEMBRO

Elaboración e montaxe dos murais nos centros educativos

Montaxe dos murais no CEIP Joaquín Rodríguez Otero e no IES Urbano Lugrís, elaborados a partir das reflexións e das mensaxes do alumnado participante nos obradoiros.

Con esta iniciativa, os centros educativos darán visibilidade ao traballo realizado e ao compromiso dos nenos, nenas e mozos coa igualdade e co rexeitamento de calquera forma de violencia contra as mulleres.

MÉRCORES, 25 DE NOVEMBRO

Actos conmemorativos do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Nos centros educativos

  • Exposición dos murais elaborados polo alumnado.
  • Lectura dun manifesto contra a violencia machista por parte do profesorado e do alumnado.

Ás 12.00 h | Fonte de Anselmo Villar Amigo

  • Lectura do manifesto institucional contra a violencia machista.

O Concello convida toda a veciñanza a participar neste acto e a mostrar o seu compromiso coa igualdade. A loita contra a violencia machista non é unha cuestión que afecte unicamente ás vítimas, senón que nos implica a todas e a todos.

MARTES, 1 DE DECEMBRO

A programación rematará cunha representación teatral que convida a reflexionar sobre a violencia machista, as súas consecuencias e a importancia de non xustificar nin minimizar ningún tipo de agresión.

Teatro: «GOLPES», de aAntena

  • Hora: 11.00 h.
  • Lugar: Auditorio do Centro Cívico de Malpica.
  • Duración aproximada: 65 minutos.
  • Protagonista: Estíbaliz Veiga.
  • Público destinatario: alumnado de 3º e 4º da ESO do IES Urbano Lugrís e cidadanía en xeral.
  • Entrada: gratuíta.

A violencia machista non desaparece por non falar dela nin por mirar cara a outro lado. Para combatela, precisamos educación, prevención, compromiso e unha sociedade disposta a implicarse.

O Concello de Malpica de Bergantiños quere agradecer a colaboración dos centros educativos e de todas as persoas que fan posible esta programación, especialmente o traballo que se está a desenvolver coa mocidade. A participación de 105 nenos e nenas nos obradoiros é unha mostra da importancia de comezar a traballar pola igualdade desde as aulas.

Así mesmo, anima toda a veciñanza a sumarse ás actividades e a contribuír, no día a día, a crear un municipio no que todas as mulleres poidan vivir libres, seguras e sen medo.

Porque ningunha muller debe sentirse soa. Porque a violencia machista é un problema de toda a sociedade. E porque en Malpica non miramos cara ao outro lado.