O programa Rexurbe rehabilitará 19 inmobles en Ferrol

1 minutes read
Intervención en Ferrol do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Durante unha visita ao primeiro inmoble recuperado con cargo ao plan Rexurbe en Ferrol, o edificio de Argüelles, 1, Alberto Núñez Feijóo aseverou que o obxectivo destes programas é a recuperación de conxuntos históricos especialmente degradados, desde o punto de vista arquitectónico e social. Deste xeito, ademais deste edificio que xa está rematado, este ano comezará a rehabilitación doutros 13; así, hoxe mesmo licitaranse as obras de tres inmobles na rúa Carme Curuxeiras e dun na rúa Rastro, na esquina coa praza Vella, e solicitarase licencia ao Concello para outros dous, na rúa Benito Vicetto e na rúa Castro.

Con estes inmobles porase á disposición dos veciños 38 novas vivendas protexidas e 4 locais comercias, que se ofertarán para a implantación de iniciativas empresariais.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico referiuse tamén aos traballos executados a través das catro Áreas de Rehabilitación Integral: Madalena e Ferrol Vello, A Graña, Esteiro Vello e Recimil. Nelas hai actualmente en execución preto de cinco millóns de euros, chegando a unha mobilización total de 7,8 millóns de euros, entre actuacións rematadas e fondos actualmente asignados.

Na actualidade o Programa Rexurbe está actuando en 9 localidades –Lugo, Mondoñedo, Vilalba, Viveiro, Ourense, Ribadavia, Tui e Betanzos-, onde hai actuacións rematadas, en curso ou previstas en 59 inmobles xa adquiridos coa previsión de obter máis de 100 vivendas, que se destinarán a aluguer en condicións vantaxosas.