O programa “Ti tes a chave” conta xa con 1.801 familias adheridas en Carballo

2 minutes read

O Concello de Carballo continúa avanzando na implantación da recollida separada da materia orgánica a través da campaña Ti tes a chave, que conta xa con 1.801 familias rexistradas.

A campaña de divulgación e información, desenvolvida polo Concello en colaboración coa UTE Carballo Limpo, retomouse o pasado 30 de abril cun punto informativo instalado na rúa Coruña. O obxectivo destas accións é achegar á cidadanía información directa sobre o funcionamento do colector marrón e sobre a importancia de separar correctamente os residuos orgánicos que se xeran nos fogares.

Entre finais de abril e xullo realizáronse oito accións informativas a pé de rúa, nas que se rexistraron un total de 66 altas. As persoas que se incorporan á campaña reciben un kit de benvida composto por un cubo aireado de 10 litros, bolsas compostables, material informativo e a chave que permite abrir o colector marrón. Nos puntos informativos tamén se atende ás persoas que xa forman parte do programa para a reposición de chaves ou bolsas e para tramitar solicitudes de composteiros domésticos, que tamén se están a repartir estes días.

A campaña de sensibilización complétase cun servizo de información e control dirixido especialmente ao comercio e á hostalaría, sectores con capacidade para xerar cantidades importantes de materia orgánica. O persoal encargado destas accións informa os establecementos sobre a correcta separación dos residuos e realiza un seguimento do cumprimento das indicacións. Desde abril desenvolvéronse xa 11 das 32 xornadas previstas, que continuarán aproximadamente ata finais de novembro.

Desde o Concello destácase que a separación da materia orgánica é un dos pasos fundamentais para seguir mellorando a xestión dos residuos e incrementar as taxas de reciclaxe. Neste sentido, o goberno municipal anima á veciñanza que aínda non participa en Ti tes a chave a sumarse ao programa e lembra que a correcta separación no fogar é imprescindible para que o sistema funcione e para abaratar os custos do tratamento dos residuos.