O PSdeG denuncia a “alta manipulación informativa” na CRTVG

1 minutes read

A portavoz do Grupo Socialista na Comisión de Control da CRTVG, Noa Díaz, instou á corporación, no Parlamento, a convocar un proceso de selección de persoal para reverter “a precariedade e a temporalidade”.

Así, Díaz lamentou que “a realidade é que a conflitividade laboral da CRTVG se resolve a golpe de denuncia e esa inestabilidade é xa case un sinal de identidade da corporación”. Díaz sinalou que no exercicio de 2019, tal e como reflicte o Informe de Contas, “o ente tivo un gasto de cerca de un millón de euros en procesos de reclamacións xudiciais” de carácter laboral. Neste senso, lamentou que esta situación é xa “un problema estrutural na CRTVG” que “debe combaterse con procesos de selección de persoal”. Neste senso, criticou que “nos últimos 30 anos unicamente tiveron lugar dous procesos de regularización laboral”, nos anos 1992 e 2011.

A responsable socialista denunciou a “alta manipulación informativa da cadea” que “é un feito” e amosou o seu apoio ao colectivo Defende a Galega, cando “chegamos xa a 131 Venres Negros” continúa “reivindicando uns medios públicos de calidade e que desapareza o control político nas súas redaccións”. Neste senso, reiterou que “canto maior sexa a estabilidade laboral do persoal, maior será a súa independencia á hora de traballar, o que redunda sen dúbida nunha mellora da calidade”.