A portavoz socialista de medio ambiente, Patricia Vilán, instou á Xunta a deixar de empregar o glifosato como pesticida nas estradas galegas. Así o dixo na Comisión de Medio Ambiente celebrada este venres no Parlamento, na que acusou á Xunta de empregar este plaguicida canceríxeno, que será prohibido en 2022, nas estradas de titularidade autonómica do Baixo Miño.
Vilán advertiu da perigosidade que supón o glifosato para o medio humano e acuático xa que, segundo a OMS, “hai probas convincentes de que o glifosato pode causar cancro en animais e hai probas limitadas de carcinoxenecidade en humanos”. Dende a Sociedade Galega de Historia Natural, sinalou, vense manifestando a preocupación polas fumigacións indiscriminadas “que poden rematar contaminando os pozos e por tanto afectando á saúde humana”.
Acusou ao PP “de votar en contra de todas as propostas da oposición para acabar coa utilización do glifosato”. Sinalou que “aínda que dende a Xunta vense dicindo ultimamente que o glifosato é canceríxeno e que priorizan o emprego de medios mecánicos ou biolóxicos non contaminantes antes que os máis agresivos para o medio ambiente, séguese a utilizar o glifosato porque é o material máis barato”.