O PSdeG levará ao Parlamento de Galicia as deficiencias do transporte público por estrada en Bergantiños

1 minutes read

Anunciouno a parlamentaria socialista Patricia Iglesias Rey nunha rolda de prensa na Estación de Autobuses de Carballo. 

A deputada orixinaria de Carballo denuncia o que considera «un problema estrutural que ten a Xunta de Galicia co transporte público, cos buses», xa que a estación non está ben conectada «nin coa Coruña nin con Santiago». 

Iglesias calificou a infraestrutura de «estación de autobuses fantasma», xa que «non podes nin chamar para preguntar os horarios». «Non sabes moi ben a que hora sae o bus para Santiago, chamas e non tes información», engade. 

Sobre a conexión entre Carballo á Coruña, afirma que co bus procendente de Fisterra e Muxía ás 8 da mañá «moita xente de Carballo queda en terra e ten que esperar ao seguinte bus que non é directo e tarda máis dunha hora». «Como vas chegar a traballar, ou a universidade, ou a unha cita médica no hospital», pregúntase a deputada. 

«O transporte público por carretera, que é de competencia exclusiva da Xunta, non conta coa comarca de Bergantiños», critica Iglesias, para a que esta situación xera «cidadáns de segunda categoría» para o goberno autonómico. 

«Este mércores preguntarei ao conselleiro de presidencia, ao señor Diego Calvo, se ten pensada algunha medida estrutural para mellorar o transporte público por estrada na comarca», anuncia a parlamentaria socialista.