Ana Pontón anunciou que que o BNG pedirá explicacións a Feijóo por non impedir o baleirado dos encoros, a pesar de estar informado polas propias eléctricas. Os goberno do estado e da Xunta, afirmou “son títeres das empresas eléctricas”. Feijóo “goberna para o looby eléctrico” e non é casual que a primeira persoa en felicitar a Feijóo e fundirse nun abrazo hai 12 anos, fora o Presidente de Iberdrola o mesmo ao que agora o Presidente da Xunta lle permite o baleirar os encoros. Para Pontón resulta “unha tomadura de pelo” que Feijóo clame durante unha semana contra o baleirado dos encoros en Galicia cando estaba na súa man frealo coa lexislación galega de Medio Ambiente.
Pola súa banda o vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, vén de esixir á Xunta que “asuma responsabilidades” pola que considera unha “tomadura de pelo á cidadanía” a situación do baleirado dos encoros.
Así, o vicesecretario xeral do PSdeG incidiu en que “as mentiras e a inacción do señor Feijóo con este tema son moi graves” despois de que o pasado xoves asegurase que “as compañías non informaron á Xunta sobre o baleirado” e cando “ao día seguinte se publicaron correos electrónicos que demostran o contrario” e, polo tanto, “mentiu”.
Tanto é así que a compañía eléctrica Iberdrola notificara ao goberno galego os días 10 e 12 de xuño “a súa intención” de baleirar os encoros de Cenza e As Portas, tal e como publicou o xornal Eldiario.es en dous e-mails que foron remitidos pola compañía ao servizo de Conservación da Natureza da Xunta.
Ante esta circunstancia, o Grupo Socialista presentou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para acadar unha resposta por parte do goberno galego e clarexar a situación.