- O GRUPO SOCIALISTA CRITICA O VOTO EN CONTRA DO PP AOS TRABALLOS PREVENTIVOS DAS ESCORRENTÍAS DE CINZAS DOS LUMES DE PONTECESO.
A parlamentaria socialista Patricia Iglesias criticou este venres o desleixo do PP, que votou en contra dunha proposta para pedirlle á Xunta que realice os traballos preventivos fronte ás escorrentías das cinzas provocadas polos lumes deste agosto en Ponteceso. Iglesias urxiu ao goberno galego a tomar medidas para previr o impacto negativo dos vertidos e “non agardar a que haxa unha afectación do estuario do Anllóns e dos bancos marisqueiros”.
Intervención de Patricia Iglesias.
A responsable socialista alertou do impacto negativo sobre o ecosistema dos efectos derivados dos lumes que entre o 2 e o 6 de agosto levaron por diante máis de 500 hectáreas de monte no Concello, sobre todo en Corme Aldea, afectando a parte da Rede Natura. As chuvias que se esperan a partir da próxima semana poden provocar escorrentías de cinzas, lodos e materiais contaminantes á ría, onde modifican o Ph, alteran os niveis de osíxeno e afectan negativamente ao ecosistema mariño.
Iglesias esixiu “algo máis que fotos e anuncios”, que foi o único que fixeron nos dous meses que teñen transcorrido dende os incendios, polo que lles esixiu que expliquen “cales son as medidas e axudas que realmente puxeron en marcha”, con importe e beneficiarios concretos. Lembrou que o goberno galego deixou sen executar 8,2 millóns de euros na prevención de incendios este mesmo ano, e como consecuencia Galicia viviu a peor vaga de lumes dende que hai rexistros.
A proposta presentada hoxe reclamáballe ao goberno galego que tome medidas inmediatas para evitar que os residuos dos incendios rematen no mar a través de barreiras de protección, sistemas de filtrado natural e actuacións urxentes de estabilización de solos. Tamén pediu un Plan específico de rehabilitación ambiental e mariña para Ponteceso e liñas de apoio económico e compensacións para o sector pesqueiro e marisqueiro afectado pola caída de produción.
Finalmente, esixiu un programa de seguimento científico e técnico sobre a evolución da calidade da auga e o estado dos bancos marisqueiros, incluíndo o impacto dos lumes nos ecosistemas, así como campañas de sensibilización e colaboración cidadá para reforzar a protección ambiental e garantir a sostenibilidade das actividades económicas ligadas ao mar.