O PSdeG participou nunha concentración contra os recortes educativos en Muxía

1 minutes read

O PSdeG-PSOE presentará no Parlamento de Galicia unha batería de iniciativas encamiñada a esixirlle á Xunta que reverta os recortes educativos nos colexios de Muxía. 

Así o anunciou o deputado socialista Aitor Bouza despois de participar nunha concentración contra esta problemática no municipio, xunto ao PSOE muxián e o seu voceiro socialista local Iago Toba. 

«Achegámonos a Muxía para apoiar á comunidade educativa, ás ANPAS, ás familias, afectadas realmente polos recortes que está a facer o Partido Popular nesta vila», explicou Bouza. 

«Estivemos reivindicando unha cuestión fundamental, que é que se repoña por parte da Xunta de Galicia todo o profesorado, que é o que realmente garante unha educación pública de calidade, neste concello», engadiu. 

Tanto o CEIP Os Muíños como o CEIP Virxe da Barca sufriron unha redución de profesionais específicos como os PTs e os ALs, pero tamén de profesores e profesoras de materias específicas. 

O primeiro centro pasou a contar con 24 alumnos e alumnas con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) fronte a 23 o ano pasado, pero as sesións de apoio pasaron de 34 a 26. No caso do Virxe da Barca, o alumnado NEAE pasou de 12 a 9, pero as sesións de apoio pasaron de 10 a 7. 

«Nós imos presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para esixirlle á Xunta de Galicia que solucione de inmediato esta situación», avanzou o parlamentario socialista. 

«Despois de escoitar a esta comunidade educativa, este clamor que hai nesta vila, trasladarémolo onde faga falla e esixirémoslle ao señor Rueda que non deixe abandonada esta vila nun ámbito tan importante», concluíu.