O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou que o PSdeG pedirá a apertura dunha comisión de investigación no Parlamento sobre a xestión da Xunta nas residencias de maiores, que acumulan case a metade de falecementos por coronavirus en Galicia. Caballero subliñou que “Feijóo debe unha explicación a Galicia” e “aclarar todo o ocorrido” nestes centros. “As familias merecen unha explicación transparente, con información e análises das medidas que se tomaron e das que non”. Ademais, incidiu o máximo dirixente do PSdeG, Feijóo ten que dar contas “do seu modelo privatizador e da súa conivencia cos incumprimentos dos protocolos” por parte de certas residencias privadas, como xa sinalou o propio Consello de Contas no seu informe do ano 2017. “As familias que perderon aos seus maiores nas residencias pola covid-19 merecen empatía e respaldo”, engadiu Gonzalo Caballero, para esixir a Feijóo que “non oculte a información” e que aclare tamén a información sobre falecementos neses centros de maiores sen diagnóstico de coronavirus.
42