O PSdeG-PSOE de Coristanco presenta ante o Concello unha solicitude para reclamar unha actuación urxente ante a fuga de auga existente na rede principal de abastecemento, que estaría provocando filtracións e posibles danos nunha propiedade particular.
O voceiro socialista local José Manuel Pérez Abelenda sinala que os veciños afectados veñen intentando comunicar esta situación en reiteradas ocasións, sen que ata o momento recibisen unha resposta axeitada nin se teña dado unha solución efectiva á incidencia.
O socialista considera especialmente grave esta situación tendo en conta que o propio Concello mantén restricións ou medidas de limitación no consumo de auga: “Non ten sentido pedirlles aos veciños que aforren auga e fagan un uso responsable dun recurso tan necesario mentres se permite que unha fuga na propia rede municipal continúe provocando a perda de auga”.
Ademáis, alerta de que a fuga está a provocar filtracións nunha propiedade particular, co risco de que a continuidade da situación poida ocasionar ou agravar danos materiais.
Ante esta situación, o Grupo Socialista de Coristanco solicita ao Goberno municipal que inspeccione de inmediato a zona, determine a orixe da fuga, proceda á reparación da avaría coa maior brevidade posible, comprobe os posibles danos ocasionados polas filtracións na propiedade afectada e informe á veciñanza sobre as actuacións previstas e os prazos para a súa execución.
“A xestión da auga debe facerse con responsabilidade, planificación e transparencia, especialmente nun contexto no que se están aplicando restricións á cidadanía”, afirma Pérez Abelenda.
“O que pedimos non é máis ca unha actuación responsable por parte do Concello, que se atenda aos veciños e veciñas, que se repare a fuga e que non se siga perdendo auga da rede pública mentres se pide á cidadanía que limite o seu consumo”, engade.
“O PSdeG-PSOE de Coristanco continuará facendo seguimento desta situación e reclama ao Goberno municipal que dea unha resposta aos afectados e adopte as medidas necesarias para solucionar a incidencia canto antes”, conclúe.