O PSdeG-PSOE reclamará no Parlamento galego melloras urxentes para os centros educativos de Zas

2 minutes read

Farao concretamente para o CPI de Zas e o CEIP Labarta Pose. Por unha banda, dende o Partido Socialista denuncian o «perigo para a saúde e a seguridade do alumnado e do persoal» que implica o «estado lamentable» no que se atopa o CPI de Zas.

A portavoz do PSdeG de Zas, Sheila Rial, fixo esta afirmación durante unha visita ao centro educativo acompañada de Patricia Iglesias e Aitor Bouza, membros do Grupo Parlamentario Socialista no Parlamento de Galicia.

A voceira socialista lamenta que os deshumidificadores son «uns máis nas aulas» e que alumnado e persoal precisan chubasqueiros e cascos para poder acceder ao centro e desenvolver a súa actividade con seguridade nel.

Rial, Iglesias e Bouza tiveron a ocasión de intercambiar impresións co profesorado e a ANPA do CPI de Zas durante a visita, quen lles trasladaron as súas reivindicacións de melloras.

“O que se ve nas fotos queda curto comparado coa realidade», lamenta Sheila Rial. «É un perigo para a saúde e a seguridade do alumnado e do persoal», afirma.

Por outra banda, visitaron tamén o CEIP Labarta Pose, criticando que «a falta de interese» no centro levou a aparición de numerosas deficiencias, tales como humidades, goteiras, teitos inestables ou tuberías oxidadas.

“As nenas e nenos xa nin beben auga porque nin hai subministración suficiente nin é seguro usar a que sae dunhas tuberías oxidadas”, advertiu Rial, engadindo que «non se pode estudar nin traballar con seguridade e tranquilidade onde chove e o teito non é estable”.

En referencia ao conselleiro de Educación da Xunta de Galicia, subliñou que «o señor Román ten que vir, ver e atender á ANPA e aos docentes e solucionar esta situación».

A socialista instou tamén ao Concello de Zas a «comprometerse realmente” con buscar unha solución para estas problemáticas. Ademais, avanzou que a cuestión será levada ao Parlamento polo Grupo Socialista o mércores 11 de febreiro.

«Será tratada no vindeiro pleno do Parlamento de Galicia ante o Conselleiro de Educación», indica Rial, ao tempo que subliña que o Partido Socialista seguirá «loitando ata que haxa un compromiso firme e unha solución real”.

«Desde o PSdeG-PSOE de Zas seguimos defendendo aos nosos centros escolares, porque a educación non pode esperar», conclúe a portavoz socialista local.