A parlamentaria do Grupo Socialista Patricia Iglesias presentará unha proposición non de Lei na Comisión de Pesca que se celebra este venres, a partir das 10,30 h., no Parlamento de Galicia para reclamarlle á Xunta que tome medidas urxentes para frear a contaminación por cinzas derivadas dos incendios rexistrados en Ponteceso no pasado mes de agosto, así como un Plan de rehabilitación ambiental e marítima.
Os incendios forestais rexistrados nos primeiros días de agosto de 2025 no concello de Ponteceso afectaron de forma significativa ás parroquias de Cospindo (Balarés), Brantuas, A Graña, Cores, Nemeño (A Mezquita) e Corme Aldea, calcinando centos de hectáreas de monte, obrigando ao desaloxo de veciños e provocando graves danos ambientais.
Ademais do impacto directo nos ecosistemas terrestres, os lumes supoñen un risco importante para a calidade das augas fluviais e costeiras, afectando á pesca artesanal e o marisqueo, que constitúen unha fonte relevante de emprego e riqueza económica para a Costa da Morte.
«A Xunta de Galicia debe actuar de forma urxente e coordinada, adoptando medidas de protección das augas, rehabilitación ambiental e apoio socioeconómico aos sectores afectados, mediante un plan específico que asegure a recuperación integral das parroquias e a sostibilidade das actividades económicas vinculadas ao mar», conclúen os socialistas.