O PSdG di que Feijóo procura “enganar á cidadanía” cunha proposta de destinar o superávit á sanidade que foi imposibilitada por Rajoy


Xoaquín Fernández Leiceaga acusou ao presidente da Xunta de “enganar á cidadanía galega” pedíndolle ao goberno de España que permita destinar o superávit á sanidade. O responsable socialista celebrou que Feijóo admita agora que a necesidade precisa de máis recursos pero acusouno de tender “cortinas de fume” con propostas que “sabe que son inviables” polos cambios normativos de Rajoy.

Leiceaga acusou ao presidente da Xunta de buscar a confrontación co goberno central mentres lanza “balóns fora buscando vías que non terán resultado a curto prazo”. Explicou que o presidente da Xunta quere empregar o sobrante dos orzamentos de 2018 cando aqueles, aprobados por Rajoy restrinxían o uso do superávit a “investimentos financeiramente sustentables”, pechando a porta a utilizalos para contratar persoal ou á compra de maquinaria.

Finalmente, reclámalle a Feijóo que inicie a senda de recuperación de 190 millóns de euros que lle ten recortado á sanidade pública, comezando polo reforzo, xa en 2019, dos fondos destinados a esta partida nun mínimo de 60 millóns de euros. O obxectivo é fixar un plan anual que garanta a recuperación da contía total nun prazo de 3 anos.