O PSOE da Laracha pide un plan de dispoñibilidade de fincas para ampliar os aparcamentos públicos

1 minutes read
  • O Concello arrendará varios solares, en puntos estratéxicos, para convertelos en estacionamentos gratuítos

O grupo municipal do PSOE na Laracha levará ao próximo pleno, que se celebrará este venres, a aprobación dun plan de dispoñibilidade de fincas para a ampliación de aparcamentos públicos urbanos gratuítos.

Os socialistas, a través da súa portavoz Palomi Rodríguez Castiñeira, din ser «conscientes de que o problema da falla de aparcamentos é complicado e que para gañar prazas deberanse sumar pequenas actuacións». Consideran que un plan de dispoñibilidade de fincas e solares é unha alternativa máis. O Concello da Laracha ten previsto arrendar solares baleiros, localizados en puntos estratéxicos, para convertelos en estacionamentos gratuítos.

Rodríguez Castiñeira cre que, ante estas actuacións, sería conveniente realizar campañas públicas para que as persoas propietarias dean a coñecer as súas fincas e que, en contraprestación da cesión dos solares, que terán a consideración de utilidade pública, o Concello deberá adecualos para o seu uso final encargándose do seu mantemento durante o tempo que sexa pactado.

Ademais, o PSOE tamén levará ao pleno que, durante o tempo que permaneza vixente o convenio de cesión dos terreos, os propietarios estean exentos do pago das taxas municipais.