Os socialistas da Laracha presentaron unha moción para debater no próximo pleno municipal na que solicitan un recoñecemento público para o valor, a xenerosidade e a solidariedade de Celestino Gago, o axente da Garda Civil fora de servizo que salvou a vida dun neno na praia de Caión.
«O pasado 30 de xuño, Celestino Gago, xefe do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Garda Civil, atopábase por sorte no areal de Caión, gozando dun día de praia en compañía do seu fillo, cando sobre as 17:00 horas saltou a alarma, debido a que a corrente impedía o regreso á beira dun menor nunha xornada en que a néboa xogaba en contra», explican Pilar Martínez Neira e Paloma Rodríguez Castiñeira, concelleira e voceira do grupo municipal socialista da Laracha.
«Con malísimas condicións no mar e sen material de rescate, a valentía de Celestino e os seus coñecementos do mar foron os motivos polo que o rescate quedou afortunadamente nun susto», engade o PSOE.
Os socialistas lembran ademais a súa disconformidade ante a gravidade de que o último día de xuño o areal de Caión non tivese activado o servizo de salvamento e socorrismo, nun verán que tería que estar marcado pola prevención e sensibilización fronte ao coronavirus.