O PSOE de Carballo levará a Pleno o estado da Avenida dos Abetos e as condicións laborais dos bombeiros forestais

2 minutes read
  • Tamén se fan eco do estado da rotonda situada ao final da rúa Ponte, afirmando que se atopa cada vez máis saturada debido ao incremento do tráfico que soporta.

A portavoz do Grupo Municipal Socialista de Carballo, María Carmen Vila Blanco, levará este luns ao Pleno de setembro do Concello de Carballo unha solicitude ao goberno municipal para que se realice, no menor tempo posible, unha limpeza completa das veiras da avenida dos Abetos, dado o estado de maleza e sucidade que presentan. Así mesmo, pídese que se proceda á correcta sinalización viaria da devandita avenida, tanto horizontal como verticalmente, coa fin de garantir a seguridade viaria e mellorar a circulación de vehículos e peóns.

A representante socialista afirma que nos últimos tempos «se incrementou de maneira considerable o tráfico pesado na pista que vai desde Os Pinos en dirección a Bértoa. Diversos camións de gran tonelaxe teñen dificultades para realizar as manobras, ata o punto de bloquear a vía pública e invadir as beirarrúas, o que provoca atrasos e riscos innecesarios. Houbo mesmo veciños que tiveron que agardar dentro das súas vivendas ata que o vehículo rematase a súa manobra para poder saír con seguridade. Por todo isto, rogamos ao goberno municipal que adopte medidas urxentes para derivar este tipo de tráfico pesado por outra vía alternativa, reducindo así as molestias e perigos que sofre a veciñanza».

Melloras para axilizar o tráfico na zona da rúa Ponte

Vila Blanco tamén se fai eco do estado da rotonda situada ao final da rúa Ponte, afirmando que se atopa cada vez máis saturada debido ao incremento do tráfico que soporta. «A situación agravouse dende o peche do acceso á autoestrada da AC-552 en dirección a Coristanco, o que provoca retencións e colapsos en determinadas horas do día, afectando negativamente á mobilidade e á seguridade viaria. Por este motivo, solicitamos ao goberno municipal que estude e execute melloras nesta rotonda, co obxectivo de axilizar a circulación e minimizar as esperas, garantindo así unha mellor fluidez do tráfico e maior comodidade para os usuarios».

Condicións laborais dos bombeiros forestais

O PSOE tamén se interesará este luns pola situación actual e futura da base de bombeiros forestais, e dada a importancia estratéxica que supón para a seguridade e prevención de incendios no termo municipal e na comarca, formularánlle ao goberno municipal varias preguntas:

En que condicións están a traballar actualmente os bombeiros forestais no emprazamento provisional e considérase esta unha solución só temporal?
Cal é a superficie e a localización exacta dos terreos municipais que o Concello ten previsto ceder á Xunta para a construción dunha base permanente, e baixo que condicións se formalizaría esa cesión?
Que calendario e compromisos concretos existen na negociación coa Consellería de Medio Rural para facer realidade a instalación definitiva da base en Carballo?