O PSOE de Corcubión tacha de ‘insignificante’ o aporte da Xunta para o porto da vila

1 minutes read

Desde a agrupación socialista de Corcubión denuncian a «insignificante cantidade de 25.000 euros que figuran nos orzamentos 2024 presentados polo goberno do PP da Xunta de Galicia para o porto de Corcubión. Despois de anos de proxectos, estudios medioambientais e demais, recentemente Portos de Galicia presentou un proxecto definitivo para facer en Corcubión un porto mixto, deportivo e pesqueiro, que suporía un investimento de 7,3 millóns de euros, e que actualmente está exposto na páxina oficial de dito organismo». 

«A triste realidade é que nos orzamentos da Xunta do ano que ven non figura unha cantidade significativa para que se poda iniciar esta obra tan necesaria para a nosa ría. E aínda por riba, as previsións de investimentos futuros ata o 2026 pasan dos 7,3 millóns de euros necesarios para levar adiante esta obra, que figuraban nos orzamentos do 2023, a pouco máis de 1,1 millóns de euros que aparecen nestas contas do 2024. Por tanto, con estes números a Xunta do PP segue a tomarnos o pelo aos corcubioneses, facendo presentacións e proxectos marabillosos que NUNCA rematan de pasar dos bocetos aos orzamentos, afirman os socialistas.  

Por todo elo, a instancias do PSdeG-PSOE de Corcubión, o grupo parlamentario socialista no Hórreo presentará unha enmenda aos orzamentos presentados polo PP para incluír unha partida de máis de 1,1 millóns de euros para que no 2024 se poda iniciar esta obra, coa previsión de chegar aos 7,3 millóns necesarios nos vindeiros anos para levar a bo porto esta infraestructura, conclúen.