O PSOE de Coristanco esíxelle ao goberno local que cumpra cos acordos plenarios

1 minutes read
  • No vindeiro pleno buscarán que se aprobe a creación dunha comisión de seguimento para o control das mocións aprobadas

A formación local do PSOE en Coristanco presentou unha moción para que o equipo de goberno local, baixo a bandeira do PP, «cumpra e faga cumprir os acordos plenarios». Segundo o portavoz da agrupación socialista, José Manuel Pérez Abelenda, desde o partido presentaron varias mocións que foron aprobadas por unanimidade como a posta en marcha do servizo de madrugadores, a instalación de desfibriladores en espazos deportivos ou unha moción para instar ao órgano competente a que se manteña o servizo de pediatría en Coristanco. Sen embargo, os socialistas descoñecen en que punto están todas estas solicitudes.

«Dende o goberno do PP seguen sin cumprir os acordos plenarios; votan a favor sistematicamente pero o único que queren é quedar ben de cara á galería, sabendo que non van a executar as mocións aprobadas», sinala Pérez Abelenda.

Por isto, ante a «falta de transparencia e de responsabilidade de cara á veciñanza», os socialistas levarán ao pleno deste xoves, 25 de marzo, varias propostas como a creación dunha comisión permanente para o seguimento e control do cumplimento
dos acordos plenarios aprobados; así como a posta en marcha dun apartado na web municipal onde os cidadáns poidan ver as mocións presentadas, o seu resultado e o grao de cumprimento das mesmas. Unha información que ademais será revisada periodicamente.