O PSOE de Coristanco ve ‘escurantismo’ na instalación dunha antena de telefonía nunha finca dun membro do PP

3 minutes read
  • O grupo socialista solicitou ao alcalde que detalle a data exacta na que o Concello tivo coñecemento do proxecto de instalación da antena, “unha información clave para entender por qué non se activaron mecanismos de comunicación coa cidadanía nin se abriu un proceso de diálogo previo”.
  • O silencio institucional “só contribúe a aumentar a desconfianza e a sensación de desamparo entre os veciños e veciñas”, apunta o PSOE.

O voceiro socialista en Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda, critica a instalación dunha antena de telefonía nunha finca pertencente a un membro da candidatura do PP na localidade.

O socialista denuncia que a obra “avanzou sen información pública suficiente e sen diálogo previo coa cidadanía, provocou un malestar crecente que levou a numerosos veciños e veciñas a acudir este xoves ao pleno municipal para reclamar explicacións e defender o seu dereito a un entorno seguro e respectuoso coa convivencia”.

“O PSdeG-PSOE de Coristanco, en coherencia co seu compromiso coa transparencia e coa defensa dos intereses da veciñanza, preguntou sobre o asunto na sesión plenaria e formulou ao alcalde unha batería de preguntas que buscan esclarecer a actuación do goberno local e determinar se se fixeron as xestións necesarias para evitar un impacto negativo no núcleo onde se atopa, no lugar de Brenlla, parroquia de Couso”, explica Abelenda.

Demandas de claridade e responsabilidade institucional

O grupo socialista solicitou ao alcalde que detalle a data exacta na que o Concello tivo coñecemento do proxecto de instalación da antena, “unha información clave para entender por qué non se activaron mecanismos de comunicación coa cidadanía nin se abriu un proceso de diálogo previo”.

Así mesmo, o voceiro socialista preguntou se o alcalde ou o goberno municipal valoraron mediar coa empresa promotora para buscar unha ubicación alternativa, máis afastada das vivendas e “máis acorde coa protección do benestar da poboación”. “A veciñanza insiste en que existen outras localizacións posibles e que o Concello debería ter exercido un papel activo na defensa dos intereses colectivo”, engade.

Outra das cuestións formuladas foi a de que non se convocou unha reunión informativa, “unha medida básica de transparencia que tería permitido evitar a actual situación de incerteza e tensión”. Pérez Abelenda considera que o silencio institucional “só contribúe a aumentar a desconfianza e a sensación de desamparo entre os veciños e veciñas”.

Finalmente, o grupo socialista solicitou que o alcalde aclare que beneficios económicos obtén o Concello coa instalación desta antena, xa sexa a través de taxas, alugueiros ou convenios. “A cidadanía ten dereito a coñecer se existen contraprestacións e, de ser así, como se xustifican fronte ao impacto directo sobre as familias afectadas”, apunta Pérez Abelenda.

Reclamacións de alternativas e respecto

Os veciños e veciñas, presentes na sesión plenaria, expresaron no pleno a súa preocupación polos posibles efectos da antena sobre a saúde, o impacto visual nun entorno rural consolidado e a perda de calidade de vida que supón situar unha infraestrutura destas características a poucos metros das súas casas. Reclaman que se estuden outras opcións e se abra un proceso de diálogo real.

“A comunidade lembra que non se opón á mellora das telecomunicacións, pero si á forma na que se está a impoñer unha decisión que afecta directamente ao seu día a día sen información previa nin participación”, explica o portavoz socialista local.

Defensa da cidadanía

O socialista reiterou no pleno “o seu apoio firme aos veciños e veciñas” e comprometeuse a “seguir esixindo transparencia, diálogo e responsabilidade institucional”. Considera “imprescindible que o Concello actúe con rigor, que dea explicacións claras e que poña por diante os intereses da poboación fronte a calquera acordo ou decisión tomada sen consenso”.

A situación xerada evidencia, según Pérez Abelenda, “a necesidade dun modelo de Goberno máis participativo, máis transparente e máis sensible ás preocupacións da cidadanía”.