O PSOE de Malpica discrepa coa actuación municipal nos casos ADC Mallas de Area e Mostra de Olería

2 minutes read

Sergio Manuel García Villar, en representación dos socialistas de Malpica, remitiu un comunicado este martes en referencia ás discrepancias feitas públicas pola Asociación da Olería de Buño co concelleiro organizador da Mostra, Alfredo Cañizo. Villar, dende o PSOE de Malpica, afirma que «instamos ao Alcalde D. Eduardo Parga a que comece a exercer o cargo, do cal está desaparecido dende o día da moción de censura».

«O Concello merece e necesita un Alcalde con personalidade e capacidade de liderazgo do que aínda non temos noticias. A súa inacción demóstrase na súa falta de resposta pública, que calificamos de lamentable, no tema tan penoso e miserable como foi a utilización dos medios do Concello para que un edil fixese unha crítica tan dura contra a Comisión de Festas ACD Mallas de Area».

«Este sábado 8 de xullo a Asociación Oleira de Buño fixo un comunicado duro, claro e nítido, sobre a xestión de D. Alfredo Cañizo con respecto a organización da próxima Mostra da Olería de Buño. Nel déixase claro que mentras este concelleiro estea á fronte da xestión da Mostra e sexa o interlocutor entre Concello e a Asociación Oleira, non se celebrará este evento, onde nin o queren nin é ben recibido», din os socialistas.

Este luns afirman que recibiron a información para o pleno de organización de Goberno que se celebrará este xoves 13 ás 20:00h no salón de plenos do Concello de Malpica. 

«De novo vemos con incredulidade que, a pesar destes dous «encontronazos», o Alcalde «premia» ó concelleiro Alfredo Cañizo coa responsabilidade de organizar a Romería de Santo Hadrián e a Mostra de Olería, aínda que a Concellería de Olería a levará Marisol Blanco Gorín. Dende o Partido Socialista xamais admitiremos que os representantes do Concello coarten a liberdade de expresión e a independencia das asociacións (veciñais, deportivas, culturais, comisións de festas…) por moito que haxa investimento público nas súas actividades», conclúe .