O PSOE de Malpica expresa a súa perplexidade pola posición do BNG na distribución dos fondos do POS+

O grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Malpica discrepa co Goberno local respecto á proposta de distribución do Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña, que se tratou no pleno ordinario celebrado o xoves.

Segundo explicou o voceiro socialista, Walter Pardo, «o alcalde comprometérase a dialogar e consensuar os temas importantes coa oposición, pero neste caso non houbo ningún tipo de contacto previo co noso grupo para negociar unha proposta que consideramos relevante». Pardo afirmou que «a nós ninguén nos chamou para negociar e dialogar sobre o POS, que nos parece un punto moi importante porque ao final era unha subvención que vén da Deputación e que hai que repartir en obras».

Ante esta situación, o PSdeG-PSOE propuxo deixar o punto encima da mesa e solicitar unha reunión cos distintos grupos da corporación para consensuar unha proposta antes da súa remisión á Deputación, dado que aínda había tempo suficiente para presentala. A votación desta proposta resultou rexeitada cos votos en contra do PP (6), os votos a favor do PSOE (4) e do concelleiro independente (1), e a abstención do BNG (2).

O grupo socialista expresa a súa perplexidade pola posición do BNG neste asunto. «O que nos resulta sorprendente é a abstención do BNG. Iso quere dicir que ao BNG igual non lle interesa negociar o POS da Deputación ou que xa o tiñan falado co grupo de goberno», afirmou Walter Pardo.

Finalmente, o punto foi aprobado cos votos favorables do PP e a abstención do resto dos grupos. Os socialistas insisten en que «parece que o PP e o BNG comezan a entenderse moi ben», e consideran que existe «unha complicidade que se fai visible en varios plenos, como no caso do Plan Económico-Financeiro aprobado grazas á abstención do BNG».

Related posts

Malpica quenta motores para a VIII Carreira Pedestre

Minutos de silencio por Gaza na Laracha

Preocupación dos socialistas de Muxía polos recortes na educación pública nos colexios da vila