- Ao acto de refundación acudiu o Secretario de Organización do PSOE Provincial, José Manuel Lage Tuñas
O PSdeG-PSOE de Muxía celebrou na tarde deste venres o acto de refundación da agrupación en Senande, un lugar elixido para potenciar o valor do rural do actual equipo de goberno.
Ao acto tamén acudiu o Secretario de Organización do PSOE Provincial, José Manuel Lage Tuñas, e no mesmo nomeouse por unanimidade como secretario xeral ao actual alcalde da localidade, Iago Toba. Completarán a executiva municipal Patricia Domínguez, como secretaria da agrupación, os dous únicos concelleiros socialistas, Olalla Benlloch -que será secretaria de Política Municipal- e Javier Romar -designado como Secretario de Medio Rural e Infraestruturas-, e Felipe Vilela como secretario de Atención Cidadá.
Toba, como secretario xeral, asume “con ilusión» este novo proxecto que nace coa idea de «dinamizar o partido a nivel local”. O rexedor insiste en que “pretendo recuperar as festividades que os socialistas de Muxía facían xa moitos anos atrás e será moi participativa, coas portas abertas á militancia, simpatizantes e cidadanía en xeral”.
Pola súa banda, Lage Tuñas mostrou o respaldo explícito da dirección provincial ao alcalde e a todo o seu equipo, e destacou “a apertura dunha nova etapa en Muxía, cun equipo que mestura mocidade e experiencia e que debe servir para reforzar o traballo municipal”.