O PSOE de Vimianzo expresa a súa vontade de aplicar o mandato das urnas, gobernar e dialogar

2 minutes read

A candidata socialista á alcaldía de Vimianzo, Mónica Rodríguez, ven de agradecer á cidadanía o maioritario respaldo recibido polo Partido Socialista nos comicios municipais do pasado 26 de maio. Anuncia tamén a súa intención de presentarse á investidura á alcaldía en cumprimento do mandato veciñal que reflicte o resultado electoral dos últimos comicios.

O Partido Socialista pasou de ter 1 concelleiro no pasado mandato a ser a primeira forza, logrando 6 asentos no Pleno municipal vimiancés. O PP obtivo 2 e o partido Adiante Vimianzo, que respaldaba cos seus 8 concelleiros o Goberno de Manuel Antelo, retrocedeu a 5.

O resultado do 26M non outorga a maioría absoluta a ningún dos partidos con representación, polo que, segundo Mónica Rodríguez, “desde a humildade e en cumprimento do mandato cidadá iniciarei os contactos necesarios cos representantes das outras forzas políticas con representación para acadar un acordo de cara á miña investidura como alcaldesa”.

A candidata socialista entende que as diferencias ideolóxicas dificultan un acordo global co PP, “que mesmo os nosos votantes ou a veciñanza poderían non entender salvo en casos puntuais”. Pero a continuación dixo ser “partidaria en extremo do diálogo e a miña vontade é cumprir o mandato de cambio expresado pola veciñanza o 26M a través do diálogo permanente, chegando a acordos cos demais partidos nos grandes temas que ten que afrontar o concello”.

Mónica Rodríguez engadiu que “as propostas coas que acadamos a confianza maioritaria das veciñas e veciños de Vimianzo van encamiñadas a rematar coa parálise deste tempo perdido para o municipio e promover os avances no social, no económico, no cultural e no deportivo” dos que falaron os socialistas durante a campaña. Monica Rodríguez anima á formación de Antelo a reflexionar sobre a masiva perda de apoios, e a non pecharse ao diálogo que lles ofrece. Mónica Rodríguez tende a man e agarda “que prevaleza a cordialidade entre os representantes da cidadanía, antepoñendo sempre o interese de Vimianzo”.

Aínda así, insiste Monica Rodríguez, “a cidadanía que confiou en nós debe saber que o diálogo será a bandeira do meu mandato, tal e como xa o anunciaramos os socialistas no noso programa”. Diálogo, non só cos demais partidos, senón na procura da colaboración das asociacións veciñais, culturais, deportivas e empresariais. “Temos un pacto coa cidadanía para recuperar o futuro do noso concello entre todas e todos a través dun Vimianzo Unido, pois esta é unha realidade que non acaba mais que empezar”, advertiu Mónica Rodríguez.