O PSdeG denuncia o abandono do Refuxio de Verdes e pide a recuperación da senda do río Anllóns

1 minutes read

O PSdeG realizou unha andaina reivindicativa dende A Pontedona ata o Refuxio de Verdes, en Coristanco, para reclamar unha actuación inmediata no río Anllóns e a súa contorna, denunciando que esta se atopa nun «total estado de abandono».

A andaina contou coa participación, entre outras persoas, da deputada autonómica Patricia Iglesias, o voceiro socialista coristanqués José Manuel Pérez Abelenda e o seu homólogo pontecesán Lois García Carballido.

«Non podemos permitir que un dos maiores tesouros naturais e turísticos que ten Coristanco, e tamén a comarca de Bergantiños, se vaia deteriorando pola falta de mantemento e de coordinación entre as distintas administracións», destaca Pérez Abelenda.

O socialista pide «atención permanente, non actuacións puntuais». «Por iso o Partido Socialista está reivindicando que haxa unha coordinación entre os distintos concellos da zona e a Xunta de Galicia», engade.

«O río Anllóns é moito máis ca un río, ao final é un elemento que une concellos, paisaxe, patrimonio e natureza, e ten posibilidades turísticas», afirma Pérez Abelenda. «Necesitamos unha visión de conxunto e unha coordinación real entre as distintas administracións», apunta.

Pola súa banda, Patricia Iglesias esixiu actuación inmediata ao concellos de Ponteceso, ao concello de Coristanco, e «sobre todo a Xunta de Galicia e ese organismo que é Augas de Galicia que ten totalmente abandonado este emblema para a comarca de Bergantiños».

Lamentou que «o río Anllóns, o corazón da comarca de Bergantiños», teña unha senda chea de árbores caídas que a pechan por completo. «Insistiremos no Parlamento, no concello de Ponteceso, no concello de Coristanco», salientou.

Pediu que cada administración asuma a súa responsabilidade e anuncioi máis accións reivindicativas como esta andaina. «Faremos máis para que isto realmente sexa un emblema da comarca de Bergantiños e que se cuide como se merece», concluíu.