O público carballés en primeira fila para ver «O electo», a nova co-produción do FIOT

1 minutes read
  • Ofreceranse dúas funcións, o venres e o sábado, ademáis terá presenza na escena de toda España cunha versión en castelán.

O Festival Internacional Outono de Teatro presentou este mércores no Pazo da Cultura de Carballo a estrea absoluta de O electo, unha coprodución de Contraproducións, Focus e o FIOT, dirixida por Cándido Pazó González, interpretada por Manu Baqueiro e Antonio Mourelos e baseada nun texto orixinal de Ramón Madaula.

Na rolda de prensa participaron o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro Pastoriza; e a directora de produción de Contraproducións, Belén Pichel, ademais de Pazó, Baqueiro e Mourelos.

Nesta coprodución, a compañía de Cándido Pazó explora novas vías para o teatro galego e para o FIOT aliándose cunha das grandes produtoras españolas, Focus. Xuntas crearon un espectáculo que terá presenza na escena de toda España cunha versión en castelán. Esta comedia aguda sobre a vocación política, xa un éxito na versión orixinal en catalán, visibiliza a vulnerabilidade dos que exercen o poder. A obra dará pé, seguro, ao debate sobre unha preocupación social de actualidade: a controversia sobre os políticos.

O electo terá dúas funcións nesta edición do FIOT: o venres, para abonados e convidados, ás 21 horas; e o sábado, ás 20.30, para o resto do público. Tamén haberá un ensaio xeral para os alumnos dos institutos, este xoves, ás 11 horas.