O Punto Limpo Móbil estará de novo operativo na Coruña a partir do martes

1 minutes read

A Concellería de Medio Ambiente anunciou que reactivará o servizo do Punto Limpo Móbil desde o vindeiro martes 5 de maio. A posta en marcha deste dispositivo forma parte do paquete de medidas incluídas na fase 0 do Plan para a transición cara á unha nova normalidade (desescalada).   

As persoas responsables da concellería consideran que se dan as condicións para que se reabra, xa que o comportamento das coruñesas e coruñeses respecto ao depósito de residuos neste mes e medio de confinamento foi bastante exemplar, salvo certas excepcións. É necesario, explican, poñer de novo en marcha o servizo porque se acumularon nos domicilios algúns residuos que non se poden nin deben depositar nos contedores da rúa, debido a que o seu destino final son os puntos limpos.  

Tomaranse as medidas necesarias para que o persoal traballador en contacto co servizo cumpra todas as medidas sanitarias necesarias para desempeñar as súas funcións. Deste xeito, explican, garántese a súa seguridade e a das persoas usuarias. 

 A concellería faille un chamamento á cidadanía para que se cumpra o horario e non se depositen os residuos antes de que cheguen os vehículos de recollida.